Skip to content

Vane sotelo, Begoña Fernández e CRAT Coruña de rugby, premiados na IV Gala do Deporte Feminino Galego promovida por Mudega

Abril 5, 2016

O próximo día 22 de abril celebrarase en Allariz a IV Gala do Deporte Feminino Galego, na que se premiará á mellor deportista, adestradora, entidades, xuíza ou clubs do ano 2015. Entre os premios destacan a xogadora de fútbol sala Vanessa Sotelo, a balonmanista Begoña Fernández ou o CRAT Coruña Rugby.

Redacción

Reunión do xurado IV Gala do Deporte Feminino Galego

Reunión do xurado IV Gala do Deporte Feminino Galego

A cita, promovida por Mudega (Mulleres Deportistas Galegas) será o 22 de abril ás 20:00 horas no salón do Fogar dos Maiores de Allariz (Campo da Barreira, nº 3). Trátase dun evento que é posible grazas a colaboración do Concello do Allariz. Con este acto, Mudegá busca lograr que os éxitos do deporte feminino, que son moitos e moi importantes, sexan recoñecidos pola sociedade.

O pasado sábado 2 de abril reuniuse o xurado (formado por representantes de federacións deportivas, xornalistas, deportistas, Concello do Allariz e a propia asociación Mudegá) para estudar as candidaturas presentadas tanto por federacións coma clubs ou persoas a nivel particular. Hai que destacar o gran número de candidaturas presentadas e o enorme nivel deportivo existente, que dificultou moito o traballo do xurado para decidir os premios. Entre as candidaturas, había deportistas cun curriculum espectacular, medallistas mundiais, olímpicas, clubs cunha longa historia, xente nova que comeza con magníficos resultados.

Así, a xogadora do Cidade de As Burgas, Vanessa Sotelo, (medalla de bronce e bota de ouro no Mundial de fútbol sala feminino 2015, top 10 mundial) foi elixida mellor deportista galega, mentres que o mellor equipo é o CRAT Coruña Rugby, que logrou o título de campión da División de Honra feminina.

Iria y Vane, internacionales del Cidade de As Burgas

Vane Sotelo xunto a Iria, dúas internacionales del Cidade de As Burgas

O xurado foi unánime ao outorgar o premio a mellor traxectoria deportiva á recentemente retirada xogadora de balomán Begoña Fernández, que conta cun curriculum espectacular tanto no seu club coma na selección española: 181 partidos coa selección española, 7 ligas, 5 copas da Raíña, subcampioa da Champions League, prata no Europeo, bronce no Mundial e nos Xogos de Londres.

A adestradora de patinaxe Rosa María García foi elixida como a mellor adestradora do ano polo espectacular traballo que está a realizar cos rapaces e rapazas que adestra, onde están acadando medallas a nivel internacional (Manuela Vila, campioa de Europa de patinaxe artística infantil; Lucía Fernández, campioa de Europa alevín; Lucas Yáñez, subcampión de Europa alevín, entre outras).

Ademais, Yolanda Parga (árbitra de fútbol) acadou o premio á mellor xuíza do ano 2015. Parga participou no Mundial de Fútbol Feminino do 2015 e foi unha das asistentes na final do Mundial.

Nuria Rodríguez Suárez, presidenta da Federación Galega de Salvamento, foi elixida mellor directiva polo seu traballo a prol da igualdade. Na actualidade esta federación ten máis licenzas femininas no deporte base e no cómputo xeral, as mulleres teñen a mesma presenza que os homes.

Na categoría de mellor iniciativa a prol do deporte feminino, o xurado apostou polo Club Ciclista Cidade de Lugo, que creou recentemente un equipo feminino. A empresa Envialia, patrocinadora do Ourense de fútbol sala feminino dende a tempada 2007/08, é a entidade privada máis  colaboradora do deporte feminino, mentres que a o Concello do Porriño foi elixida como a mellor entidade pública, pola súa aposta polo deporte feminino. Hai que destacar que é a segunda vez que este concello é recoñecido por Mudegá, o cal debería ser un toque de atención para o resto das institucións públicas, que apenas reciben candidaturas ante a falta de apoio ao deporte feminino.

O premio para o xornalista/medio de comunicación amigo correspondeulle a Alfonso Hermida, da TVG, pola súa atención aos méritos realizados polas nosas deportistas, sen importar o sexo.

A mellor deportista promesa é a xogadora María Pérez Araujo (campioa de Europa sub 18 de baloncesto feminino) e Susana Rodríguez Gacio (bronce no Mundial de paratríatlon, prata no Mundial de Acuatlón, campioa de Europa de dúatlon e clasificada para os Xogos de Río) foi elexida mellor deportista con discapacidade do ano 2015.

No transcurso da gala, tamén se entregarán tres mencións especiais: a Paco Araújo (presidente do Celta de baloncesto feminino dende o 2001 ata 2016, recentemente falecido) polo seu inxente traballo a prol do baloncesto feminino; a Marta Brañas, primeira campioa de España profesional de boxeo e ao Calasancias de Voleibol, por integrar a unha deportista transexual na plantilla dun dos equipos do club, marcando un fito histórico para o deporte feminino.

Marta Brañas

Marta Brañas

LISTA DE PREMIOS IV GALA DO DEPORTE FEMININO GALEGO

  • Mellor deportista: Vanessa Sotelo
  • Mellor deportista con discapacidade: Susana Rodríguez Gacio
  • Mellor traxectoria: Begoña Fernández Molinos
  • Medios de comunicación/xornalista: Alfonso Hermida
  • Mellor adestrador/a: Rosa Mª García Rodríguez
  • Mellor árbitra/xuiza: Yolanda Parga
  • Iniciativa a prol do deporte feminino: Club Ciclista Lugo
  • Entidade privada amiga: Envialia
  • Entidade pública máis comprometida: Concello do Porriño
  • Directiva máis comprometida: Nuria Rodríguez Suárez
  • Mellor equipo: CRAT Coruña
  • Premio a mellor deportista promesa: María Pérez Araujo

Mencións especiais:

  • Paco Araujo
  • Calasancias de voleibol
  • Marta Brañas
Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: