Skip to content

O soño olímpico de Iria Grandal segue vivo coa mirada posta en Río 2016

Xaneiro 22, 2016

Iria Grandal é unha deportista nada en Ferrol (13/08/1990) que este ano cumplirá 26 e que leva tirando desde os 7 anos. A súa nai foi a que abriu a veda da práctica desta modalidade deportiva na súa familia. Logo esta disciplina engailou a seu pai, a seu irmá, e por suposto, a ela. Foi a única representante española nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 en Tiro con Arco. O seu obxectivo entón, con 21 anos, era aprender, e vivir a experiencia… que non é pouco. O seu concurso nos xogos fixo que chegara a dezaseisavos de final. Foi decimosétima. Aínda unha lesión merma as súas posibilidades de cara a repetir experiencia en Brasil en 2016, o punto de mira desta arqueira está posto en Río.

Silvia Carregal

 

Iria Grandal / COE

Iria Grandal / COE

Antes de chegar aos xogos olímpicos de Londres 2012, Iria xa fora subcampiona absoluta de Europa en Amsterdam por equipos ese mesmo ano. E logo do seu concurso olímpico foi considerada mellor deportistas de Narón e de Ferrol. Curiosamente en ámbito internacional competiu en campionatos de Europa e Xogos Olímpicos, pero nunca participou nun Mundial.

Leva fóra de Ferrolterra moito tempo, dende os 18. Adestratou un tempo no CAR (Centro de Alto Rendemento) en Madrid residindo na Joaquín Blume. Pero marchou da Blume aló polo 2014 e voltou a Ferrol. A etapa nun Centro de Alto Rendemento para ela tiña data de caducidade. Pensaba que o retorno a casa a faría poder gozar novamente do deporte e mellorar en resultados. A presión do contexto era excesiva para ela daquela e a súa cabeza facía que o seu corpo non dera de si, todo o que debería. Como Dorothy no Mago de Oz deu en chocar os seus ‘chapines de rubíes‘, pechar os ollos e dicir aquelo de: “Como en casa non se está en ningunha parte“. Alvariño, outro tirador de Ferrolterra que é o mellor hoxe por hoxe en ámbito estatal nesta modalidade, tamén defende que como en casa… non se está en ningures. Pero ao cabo, no caso de Iria Grandal, non foi a solución aínda que era preciso tentalo.

O caso é que logo dos Xogos fíxose máis patente unha lesión no hombreiro e a necesidade de reeducar o seu cerebro de cara á práctica deportiva. Algo que aínda hoxe está a ser moi complicado. Iria non gozaba adestrando. Necesitaba facelo cando realmente lle prestaba e non todas as horas que requería unha competición de alto nivel. Volver gozar do tiro con arco é arestora un dos seus maiores obxectivos, o que fará posible chegar a outras metas.

Iria Grandal / ARCO NARÓN

Iria Grandal / ARCO NARÓN

Sobre o 2009 un ano despois  de entrar na Blume antes dos Xogos xa empezaron os atrancos. Primeiro, un atropelo. Logo unha sorte de shock mental. Foi en 2009 no gran premio de Madrid. Lembra que en metade da competición so quería chorar. Co paso do tempo o problema non desapareceu. Unha sorte de medo escénico agarrotaba os seus músculos e impedía que soltara a frecha na postura correcta ao son do click do clicker que avisa aos tiradores de que xa poden disparar ao branco. Tensión, pánico…  o caso é que ela e o seu adestrador o coreano Hyung Mok Cho (director técnico de la Federación Española), quedaron descolocados. A psicóloga María Martínez, que xa traballara con outros tiradores, axudouna a superar os medos. Pero ela mesma confesa que leva anos con ese problema e que reeducar a mente custa moito e é aínda unha asignatura pendente.

Agora volve estar en Madrid. Segue cos seus estudos de terceiro de  xornalismo na Complutense, pero xa non convive entre deportistas. Dende outubro tamén traballa como redactora na redacción da revista Sport Life, Sport Life Kids e Sport Life Mujer, ademáis de colaborar con revistas como Train Hard.

Unha breve ollada  á súa conta en Twitter fai que teñamos claro que non se esqueceu da terra. Entre das fotos á súa cadela, Kiara, e as imaxes de frechas, dianas e arcos, hai oco para Ferrolterra e para a familia. O seu equipo segue a ser Arco Narón.

A lesión do hombreiro segue aí aínda que o traballo co preparador físico, a fisioterapia, e o fornecer os músculos fixeron que mellorara. Con todo non é quen de tirar tantas frechas como facía antes e iso limita as súas posibilidades competitivas. Din que o máis importante no tiro con arco é mecanizar movemento e facelo sempre igual e que a repetición é o número de frechas é crucial.

 

Últimos resultados 

En 2015 Iria Grandal acadaba o ouro no Campionato Galego de sala e a prata no de aire libre. Ademáis foi bronce nacional de sala. Hai pouco que se disputaron os campionatos galegos en sala 2016 arqueira do Arco Narón non estivo por mor dunha gripe.

A seguinte cita competitiva é na primeira semana de febreiro, en Málaga, nos nacionais, pero tampouco non acudirá. O calendario universitario ten prioridade neste caso e a cita non clasifica para os Xogos Olímpicos. Durante anos Iria lembra sempre acudir a esta cita cos apuntes baixo do brazo e pensando nos exames.

 

Apuntando a Río

Ningunha arqueira española está a día de hoxe clasificada para os Xogos Olímpicos de Río nesta disciplina. As posibilidades de representación española no tiro con arco feminino pasan por dúas citas: os europeos e a última World Cup.

Iria Grandal e as outras arqueiras españolas teñen posta a súa mira nos Campionatos de Europa que terán lugar en maio en Gran Bretaña (European Outdoor Championships and CQT for Olympic Games – Rio 2016 Nottingham (GBR)). Alí hai en disputa tres prazas, aínda que sería unha soa por país.

Haberá outra posibilidade na última World Cup, que será en Antalya (12.06.16-19.06.16) na que se xogarían outras tres prazas por equipos e algunha individual para os países que aínda non obtivesen praza.

Se cadra as posibilidades para a galega Iria Grandal son case un soño olímpico, pero o certo é que existe a posibilidade de voltar a soñar en grande e chegar a Río igual que chegou a Londres cando non todos contaban con ela.  Sabe que é difícil que volte a tirar o número de frechas que tiraba antes. As prioridades mudaron. Pero ela misma conta que lle encanta competir e gañar. Como tiradora tira peor os rounds clasificatorios que os eliminatorios, ao revés de moitos arqueiros, pero iso benefícialle en competicións como a olímpica.

En calquera caso, se finalmente non acada un oco nos Xogos Olímpicos de Río 2016, o arco vai seguir estando aí por moitos anos. Estará cando, por exemplo, ao rematar os estudos teña máis tempo e a súa carreira deportiva volte a adiantar postos la lista de prioridades. A carreira olímpica de Iria pode ter máis citas ca pasada de Reino Unido ou a inmediata de Brasil. A súa traxectoria como tiradora pode chegar incluso máis aló de Tokio 2020. De momento, ela, non semella ter tirado a toalla, tal e como contaba hoxe nunha entrevista concedida ao programa Coruña Deportiva de Radio CoruñaCadena SER.

 

Escoita a conversa con Iria Grandal en Coruña Deportiva nesta ligazón

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: