Skip to content

Mulleres, historia e torneos de fútbol

Agosto 28, 2015

Silvia Carregal

Son xa tres as edicións do Teresa Herrera feminino na cidade da Coruña e este verán xogouse tamén a primeira edición en feminino doutro clásico do balompé: o Concepción Arenal en Ferrol.

Ten que ser motivo de festexo que a normalidade vaia gañando terreo a prol da igualdade. Supón aínda máis motivo de ledicia que os dous torneos leven o nome de dúas grandísimas mulleres na historia de ambas as dúas cidades: Concepción Arenal e Teresa Herrera. 

Galicia e terra de mulleres bravas que defenderon o seu e aos seus con rotundidade e fortaleza. Estas dúas coruñesas da boa fe delo.

Segundo recolle a prensa, na presentación do I Trofeo Femenino Concepción Arenal o concelleiro de Deportes de Ferrol, Bruno Díaz explicaba que un dos “propósitos do Goberno pasa polo fomento da Igualdade tamén no deporte“. Mentres que a concelleira de Muller, Beatriz Sestayo, puxo en valor o compromiso do Goberno local en “apostar polo deporte feminino e desde a Concellaría de Muller, dentro da igualdade” . “É simbólico -dixo- que teña o nome dunha ilustre ferrolá como Concepción Arenal que loitou moito  pola igualdade nunha época moi complicada”.

 

Concepción Arenal, a visitadora de cárceres que confiaba na educación

As dúas, Concepción Arenal e Teresa Herrera, quedaron orfas de pai e as dúas fixeron da entrega e a axuda ao próximo a súa vida. Cada unha na súa faceta e cada unha cunha visión propia e persoal de como facelo.

A ferrolá Concepción Arenal foi a primeira muller en recibir o título de ‘Visitadora de Cárceres de Mulleres’. Fundou unha construtora benéfica para facer vivendas baratas para a clase obreira. Como Teresa Herrera tamén estivo vencellada a iniciativas sanitarias e de socorro. Dise que con ela nace o feminismo en España.

Concepción Arenal tiña unha teima que a marcou: a educación. Máis aínda no caso das mulleres. Unha das súas frases máis coñecidas e recoñecidas é:  “Abride escolas e pecharedes cárceres“. Unha verdade coma un mundo pronunciada por unha muller que lle daba un papel fundamental á educación das persoas.

 

Teresa Herrera unha muller coidando doutras mulleres

Pola súa parte, Teresa Herrera foi a fundadora do que se considera o primeiro hospital da Coruña. Empregou a súa herdanza en montar na súa propia casa un lugar para atender ás mulleres enfermas. Chamóuselle o ‘Hospitalillo de Dios‘. Hoxe en día, o hospital materno infantil da Coruña leva o seu nome, ademais dunha rúa preto da Praza de Pontevedra e a varios torneos deportivos de verán como o de traíñas ou o de fútbol. Este último, se cadra, é o de máis sona dentro e fóra da cidade. Na súa modalidade masculina alcanzou xa este ano a súa edición LXX.

 

O Orzán leva o I Trofeo Concepción Arenal

Neste escenario de novos pasos a prol da normalidade da igualdade e da visibilización do papel da muller en todos os eidos da vida, tamén no deporte, o pasado mércores, en Ferrol, vivíase unha data importante na posta en valor do deporte feminino. O Concello de Ferrol e a Federación Galega de Fútbol artellaron o I Trofeo Concepción Arenal de fútbol na súa modalidade feminina. Xogaron o partido o Orzán S.D.  e unha selección de xogadoras de Ferrolterra. O escenario foi A Gándara. O triunfo foi para as herculinas que militarán esta tempada na Segunda División estatal. O tanteo foi de 1-5 para as coruñesas fronte as ferrolás que puxeron empeño, pero caeron derrotadas por mor da mellor composición coma equipo das aurinegras, que estaban máis afeitas a xogar xuntas coma bloque.

 

O Rayo Vallecano triunfa no III Teresa Herrera

Final III Teresa Herrera Rayo Vallecano Vs Victoria

Final III Teresa Herrera Rayo Vallecano Vs Victoria

No caso do III Teresa Herrera de fútbol feminino, logo de ter vencido nas dúas edicións previas, as cebras do Victoria C.F. caeron derrotadas en Riazor diante do Rayo Vallecano (0-7) e o trofeo en forma de Torre de Hércules marchou rumbo a Madrid.

Nas dúas edicións previas do Teresa Herrera feminino de fútbol o Victoria C.F. impuxérase primeiro ao Orzán S.D. na Grela. Daquela, nunha edición histórica por ser la primeira, as aurinegras caeran por un tanteo de 3-0 nun cruce que na Coruña sempre é de rivalidade. Xa na segunda edición do Teresa Herrera naceu cunha novidade importante que tamén supuxo unha aposta do Concello da Coruña pola posta en valor do fútbol feminino de xeito que a final xogouse no Estadio Municipal de Riazor. O Victoria C.F. impuxérase daquela ao Boavista  portugués por un marcador de 2-1.

 

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: