Skip to content

Vero Boquete e a necesaria visibilidade

Febreiro 10, 2015

Silvia Carregal

Vai camiño dos 20.000 seguidores na rede social Twitter. Moitas veces os seus chíos son altofalantes a prol da igualdade. A súa presenza en medios de comunicación ou espazos sociais como o antes referido fan moito pola visibilidade do deporte feminino. Póñenlle cara.

Arestora xoga no FFC Frankfurt e nin a neve que cubre os campos de adestramento da cidade alemá amedrenta a esta santiaguesa saída da canteira do Xuventú Aguiño. Leva poñendo a pegada dun polbo na súa faciana polos mellores campos do mundo cada vez que marca. Vero non esquece de onde vén e semella ter claro cara a ónde quere ir: tan alto como poida sen facer caso aos que din “imposible”.

O seu lema di moito dela: “Soña para vivir. Vive para xogar. Xoga para gañar“. É unha rapaza en loita que vai pola vida cun sorriso e unha faciana amable, pero coa determinación absoluta de dicir verdades como por exemplo, que España aínda “é un país machista” no deporte.

Parece consciente de que se leva moito camiño andado, pero tamén de todo o que queda por percorrer, e amósase disposta a facelo. Para mostra un botón: Aínda hoxe, en España, as futbolistas non poden selo de xeito profesional ao mesmo nivel que os homes. Non acceden en réxime de igualdade a competicións como a Liga de Fútbol Profesional (LFP) con todo o acceso a ingresos que iso aparellaría. Poden cobrar por xogar, pero a súa situación segue a ser claramente discriminatoria. Un experto en dereito laboral empregaba hai pouco un símil: “É como se as mulleres poideran dar clase na universidade, pero catedráticos solo poideran ser os homes”. A que lles parecería un escándalo?

Vero tense gañado a vida acariñando a pelota coa biqueira da bota en ligas como a sueca, a rusa ou na estadounidense. Chámenlle soccer, futebol ou fútbol, o xogo é o mesmo e deportistas do seu nivel teñen lugar en calquera equipo. Hai pouco escoitáballe nunha entrevista con María Escario que tiña xogado coas mellores e contra das mellores. É unha líder, pero non deixa de ter unha actitude humilde que a fará mellor a cada paso. As persoas realmente talentosas, coma ela, non precisan fachendear do boas que son. É obvio. Por iso esquécese de dicir que ela é unha desas futbolistas sobresaíntes no ámbito global. Non o digo eu. O din os que máis saben diso que a ten elixido entre as dez mellores do balompé esta tempada. Boquete foi a primeira española en acadar o recoñecemento de ser finalista do Balón de Ouro. O triunfo levouno a centrocampista alemá do Wolfsburgo Nadine Kessler, segunda foi a brasileña Marta da Silva do Rosengard, que xa ten varios no seu palmarés. A terceira foi a estadounidense Abby Wambach. Nesa loita polo balón de ouro feminino 2014 Vero Boquete rematou oitava. Imaxinan que gañase? Pois resultaría que os únicos españois en ter ese recoñecemento sería dous galegos, ela e o coruñés Luis Suárez.

Esta deportista galega ten a súa propia liña de roupa deportiva e Nadal tras Nadal, fai que o Campus Vero Boquete aporte ilusión e coñecementos a unha chea de cativas.

É a capitana da outra ‘Roja‘, unha que tamén xoga ao tiki-taka, pero que sae menos nos medios que a selección masculina. O combinado feminino tense clasificado por primeira vez este ano para o Mundial en categoría absoluta. Agora que Mediaset vai transmitir os seus partidos se cadra o FutFem empeza a aumentar en seareiros e a acadar un espazo máis igualitario.

Fan falta moitas Boquetes por unha razón máis importante ca de anotar goles. Mulleres coma Vero son precisas para aportar visibilidade a un colectivo, o da muller no deporte, que está todavía moi agachado. Persoas coma Vero son necesarias para poñer en valor os soños de moitas. Fanse indispensables figuras como a dela debido a que nos fan confiar no valor da perseveranza e nos alentan na teima de non permitir que se nos faga de menos polo noso sexo. Ela mesma dixo unha vez:O camiño non foi doado, pero non o mudaría. É o que me fixo como son e o que me trouxo a onde estou“.

 

Artigo publicado no nº 6 da Revista Rebumbio

Portada da Revista Rebumbio protagonizada por Vero Boquete

Portada da Revista Rebumbio protagonizada por Vero Boquete

 

 

 

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: