Skip to content

Ártabras Fene conquista un punto ante Cafetaría Meca (4-4)

Novembro 11, 2014

  • As mozas xogadoras recuperan as boas sensacións.
  • O Pavillón Polideportivo Novo Mesoiro da Coruña acolleu este cruce correspondente á VII Xornada da Liga Provincial Senior Feminina da provincia da Coruña.

Redacción

Andrea, Artabras Fene FSF

Andrea, Artabras Fene FSF

 

Mal comezou o partido para o Ártabras Fene xa que cando apenas pasara un minuto de xogo atopouse co temperán gol de Paloma para Cafetaría Meca. Lonxe de engurrarse as xogadoras fenesas fixéronse coa posesión do balón e o control do xogo, mentres Cafetaría Meca esperaba en media pista saíndo con moito perigo ao contragolpe, tentando aproveitar algúns roubos e varias perdas de balón, sen conseguilo. Ao contrario, foi Antía para as visitantes quen no minuto 04:25 tras un potente disparo conseguía coar o esférico na portaría local, pondo a igualada no marcador.

As xogadoras coruñesas seguían coa súa estratexia de defender en media pista, avisando seriamente ás visitantes en varias xogadas combinativas que *Almu, conseguiu desbaratar *magistralemente unha e outra vez, para desesperación das rivais que comezaban a mostrar certo nerviosismo ao non ser capaces de finalizar con éxito as súas ocasións.

Aos poucos, Ártabras foi encerrando a Cafetaría Meca no seu campo, froito de leste acoso Andrea dispuxo dunha boa ocasión desde a frontal que atallou sen problemas a porteira local. Tras un tempo morto solicitado polo adestrador local, no minuto 09:15, as coruñesas de novo volveron pór a proba os reflexos de Almu que volvía dar mostra da súa calidade baixo os paus. No minuto 12, a capitá de Cafetaría Meca recibiu un cartón amarelo por suxetar ilegalmente a Andrea, que a superou en media pista e avanzaba encarando a porta. Minutos máis tarde, Uxía daba o seu primeiro aviso, cun potente tiro afastado. No minuto 15:30 produciuse o debut dun das últimas fichaxes do Ártabras Fene FsF, Marta. Apenas 10 segundos máis tarde Claudia, capitá do Ártabras, conseguía marcar o primeiro dos seus dous goles cun disparo suave ao segundo pau: 1-2. Pouco lle durou a alegría ás de Fene, xa que Meca non tardou nin un minuto en volver colocar as táboas no marcador cun disparo de Yessica que esta vez si conseguiu bater a portaría visitante.

No minuto 16:00 Ártabras opta por realizar un cambio na portaría, sae Estefa que pronto entra en calor ante o dominio das locais, que se fan co control momentáneo do partido, xogando pases longos ao pivote para romper a presión, xogada que as de Fene non son capaces de contrarrestar, ata que Uxía a falta de 45 segundos, logra marcar ao recoller un rexeite da porteira local e pór o marcador favorable ás fenesas: 2-3.

Comezou a segunda parte con posesión da Cafetaría Meca, aínda que de novo sería Antía quen comezaba a porlle picante ao xogo tras unha boa xogada persoal na que se marchou a banda aínda que o remate finalmente non alcanzou a bater a portaría defendida por Ainara. A súa irmá Andrea tamén dispuxo de senllas ocasións de gol aínda que tivemos que esperar a que Claudia, a capitá ártabra, destapase o tarro das esencias, foi ela quen tras unha boa finta acompañada dunha bicicleta colocaba o balón raso e colocado no segundo pau, lonxe do alcance das locais: 2-4. Este gol, que se podía presupor demoledor e definitivo de face ao devir do partido, non supuxo senón un aliciente para as coruñesas, que lonxe de amedrentarse comezaron a loitar polo partido con máis empeño que até entón, pondo en serios apuros a Estefa que acertaba a despexar unha e outra vez.

Aos 7 minutos da primeira parte de novo produciuse cambio na portaría visitante, entrando de novo Almu que enseguida foi posta a proba polas xogadoras de Cafetaría Meca nun lanzamento de falta e o posterior rexeite.

Aos poucos Ártabras ía perdendo fol e cargándose de faltas, factores que as veteranas xogadoras locais souberon aproveitar, subindo unha presión que sen ser atafegante propiciaba os erros e imprecisións das fenesas. Cafetaría Meca queimaba os seus últimos cartuchos a falta de 7 minutos, de novo cunha perigosa falta indirecta ao bordo da área, que Almu lograba desviar noutra acertada intervención. Tras varios avisos, as locais conseguen acurtar diferenzas a falta de 3 minutos para o final, cun potente chute que entra como un mísil moi axustado ao traveseiro inalcanzable para a porteira. Apenas un minuto máis tarde, o árbitro sinala unha falta a Andrea, que por acumulación de faltas supón un lanzamento de dobre penalti, ocasión que non desaproveita Eva pondo o marcador no definitivo 4-4.

Con este resultado as de Fene conseguen un punto e colócanse con dez, na sexta posición, sete puntos por debaixo do BeArt 5 Coruña Fs, líder da clasificación desta Liga Provincial. A vindeira xornada, Ártabras agarda a visita do FSF Villa de Cee, oitavas clasificadas con nove puntos e que tamén empatou na última xornada fronte ao Troula de Betanzos. O encontro disputarase ás 20:00 horas no pavillón polideportivo de A Xunqueira, San Valentín.

 

FICHA TÉCNICA

Árbitros: Rafael Praza Casique como principal e Iván Enríquez Fontenla como auxiliar. Sacaron cartón amarelo á xogadora local Eva Lago.

Cincos iniciais:

ÁRTABRAS FENE FSF:  Almu, Antía, Andrea, Cintia e Claudia. Tamén xogaron Uxía, Angie, Marta e Estefani.

CAFETARÍA MECA: Ainara, Eva, Lara, Pomba, María Encarnación. Tamén xogou Yessica.

GOLES: 1-0 Paloma min 1. 1-1 Antía min 4. 1-2 Claudia min 15. 2-2 Yessica min 16. 2-3 Uxía min 19. 2-4 Claudia min 22. 3-4 Eva min 37. 4-4 Eva min 38, d.p.

 

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: