Skip to content

Alicerces vitais

Xuño 19, 2014

Silvia Carregal

Hai xente e feitos que marcan a túa existencia dun xeito radical. Se cadra esas persoas nin se decatan da pegada que deixan en ti. E os feitos acontecen con naturalidade golpeando a túa existencia cunha rotundidade tan firme coma falta de artificios facendo que xa nada volte a ser igual. Son a semente dos nosos alicerces vitais.

Na miña traxectoria polo mundo un dos fitos máis salientables aconteceu sen dúbida no ano 1984. Tiña 11 anos. Poden botar contas, dáme igual, efectivamente paso dos corenta.

Na miña casa o deporte, sobre todo o fútbol, era unha constante. Mamei canchas pola Coruña adiante. Daquela eran de herba ou de terra,  porque iso da sintética non existía. Os campos tiñan partes feitas lameiras e pozas nas que o balón paraba e cortaba os contragolpes sen remedio para frustración das dianteiras. Os partidos víanse de pé, apoiados no valado e se había grada, era de cemento, fría coma o demo.

Meus pais máis eu pasabamos o día da Granxa a Riazor, fin de semana tras fin de semana. E os domingos de praia no verán tamén tiñan un balón de por medio aló no areal de Santa Cruz, en Oleiros.

De cativa a miña vida xiraba de arredor dun esférico dun xeito nada habitual nunha nena desa época. Pero aínda así, nunca tiña pensado que eu puidese competir como o facían aquelas rapazas do Karbo que iamos mirar manexar a pelota coma anxos (ou como demos, segundo se mire). Quedaba alelada véndoas, pero non pensaba que puidera facelo.

E aquel año 84 principiou o cole xusto ao día seguinte do meu aniversario, como cada ano. Chegou setembro e a suposta volta á rutina, pero una pregunta mudouno todo aquel arranque de curso no Sal-Lence. Era sinxela, pero retadora: “Queres xogar?

Quería. Claro que quería! E xoguei, e gañei (que foi o de menos), e formei parte dun grupo que fixo historia porque un home que se chamaba Víctor, igual ca meu pai, decidiu amosarnos algo que tamén meu pai esforzábase en aprenderme a cada paso da vida: Se cadra non podes facer todo aquelo que desexes, pero o que non che poden quitar NUNCA é o chance de tentalo e menos por seres muller.

 

Víctor Sieiro con el primer equipo del Sal-Lence

Víctor Sieiro con el primer equipo del Sal-Lence

Pasaron os anos e deixei de xogar, pero non deixei o de adorar o deporte. Un día fixen unha proba para traballar nun medio de comunicación. Preguntáronme por que estaba alí. Díxenllo. “Saben… eu xogaba ao fútbol sala, pero iso non paga as facturas e ademais non era boa… Case toda a miña vida xira arredor do deporte, e hai algo que si sei facer ben: sei narrar”. Expliqueilles que nacera para comunicar, para contar cousas, pero en concreto para explicar a realidade que tiña que ver co deporte. Non estaba alí para ser xornalista, o que quería era ser xornalista deportiva, porque un dos meus alicerces vitais é a necesidade de contar, o outro é a redonda en particular o deporte en xeral. Sempre tiven para min que, no feito de poder facer diso a miña profesión tivo certa culpa (por mor daquel setembro de 1984) un tal Sieiro.

Moitas das rapazas que militamos no Sal-Lence seguimos vencelladas ao deporte. Algunhas como adestradoras, outras no eido da venta ou na comunicación… Incluso lonxe das canchas, hai moitos xeitos de manter vivo o soño de facer da túa paixón, a túa profesión. Todas quedamos por sempre obrigadas ao facedor de soños que teimou polo noso dereito a xogar máis aínda que nós mesmas. E, se cadra, é por mor deses alicerces vitais, que deixan pegada no máis fondo, que moitas seguimos na loita de dotar de maior igualdade ao papel da muller no deporte. Unha senda que principiamos a camiñar da man de Sieiro e na aínda queda un mundo por percorrer.

 

ARTIGOS VENCELLADOS:

‘Pretérito, realidad y esperanza del fútbol sala femenino, unidos por Sieiro’

‘Del patio del cole, a la SuperBowl’

Sal-Lence 1984

Sal-Lence 1984

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: